Momento da visita da Conselleira ao multiusos da Cañiza/ Anxo Gutiérrez
Redacción / A Cañiza
FOTOGRAFIAS: ANXO GUTIÉRREZ BARROS
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, garantiu hoxe na Cañiza o apoio da Xunta para financiar o equipamento da escola infantil municipal co obxectivo de que as instalacións poidan abrir as súas portas canto antes. A titular do departamento autonómico expresou a súa vontade de colaborar co Concello no transcurso da primeira visita institucional que desenvolveu á Cañiza coa finalidade de coñecer de primeira man as necesidades sociais desta localidade pontevedresa.
Momento do discurso/Anxo Gutiérrez
O alcalde da Cañiza, César Mera, comunicoulle á conselleira que a súas previsións son por en funcionamento as instalacións municipais no último trimestre deste ano, unha vez resoltos os aspectos técnicos da obra. A nova escola infantil disporá de 50 prazas divididas en 4 unidades, (unha de 0-1 anos, unha de 1-2 anos e dous de 2-3 anos). Ademais, o rexidor solicitoulle a Mato, no transcurso dunha xuntanza que mantiveron, a axuda económica da Consellería de Traballo e Benestar para tamén equipar o centro de día que se está a acondicionar na planta baixa do edificio multiusos. A conselleira estudará esta posibilidade unha vez que as obras estean rematadas, previsiblemente para finais deste ano. Así mesmo, Mera pediulle á titular de Traballo e Benestar un “especial esforzo” cos plans de cooperación ante a perda de emprego que ven a sufrir o concello nos últimos dous anos por mor da crise económica. Ao respecto, Mato afirmou que o Goberno galego está a ter “unha especial sensibilidade” cos concellos máis pequenos, como é o caso da Cañiza, para asegurar “ante todo” o requilibrio territorial. “Sabemos que as economías municipais están a sufrir os efectos da crise económica e por iso, hoxe máis que nunca, apostamos polo diálogo e a colaboración porque a suma de esforzos entre administracións é o camiño que temos que seguir para dar resposta ás necesidades dos cidadáns”, destacou a conselleira.
Momento da visita a Garderia Municipal/ Anxo Gutiérrez
Tras a xuntanza co alcalde, Mato desprazouse ata as instalacións que albergarán a escola infantil e o centro de día da Cañiza. Así, Mato coñeceu de primeira man as novas infraestruturas sociais que está a planificar o Concello de acordo cas necesidades dos seus cidadáns. “É obriga do Goberno autonómico estar preto dos municipios porque son estas administracións as que tamén están máis preto dos cidadáns”, matizou. A conselleira explicou, neste intre, que tanto a escola infantil como o centro de día son equipamentos que han de servir para conciliar a vida familiar, persoal e laboral, prestar unha atención axeitada ás persoas maiores e á infancia e mellorar o benestar das familias. “A Xunta concibe todos estes espazos como parte dunha rede de servizos que queremos reforzar, tanto na súa cantidade como na súa calidade”, sinalou. Ao respecto, fixo fincapé na importancia que a mellora do benestar das familias ten para o Goberno galego.
Imaxe da visita as instalacións do Multiusos da Cañiza/ Anxo Gutiérrez
Tourís, Mato e Mera/ Anxo Gutiérrez




