O Centro Comarcal da Paradanta expón unha mostra fotográfica sobre “o sida a outra cara da fame”
Abril 30, 2008 por Anxo Gutiérrez
Un dos cadros que se poden visualizar na exposición
Redacción/ A Cañiza
Acción contra a Fame trae ao Centro Comarcal da Paradanta unha exposición fotográfica co fin de amosar e facer chegar a todos os rincóns o alcance desta praga do século XXI, o SIDA.
Aínda que o número de afectados en todo o mundo segue crecendo de maneira global, é nos países máis pobres onde esta pandemia mata cada día a máis xente. Dos 42 millóns de enfermos que se contabilizan no planeta, o 95% está no Terceiro Mundo.
Dende Acción contra a Fame levan anos traballando con esta realidade, facéndoa chegar a todos os rincóns para mover conciencias xa que na xenerosidade dos países ricos radica parte da solución, non só para que os tratamentos cheguen ó Terceiro Mundo senón tamén para que a ola de destrución que desatou a pandemia non acabe cos sistemas de saúde, de produción alimentaria e co propio equilibrio social dos países afectados.
Esta exposición, que estará aberta ata o 30 de maio, poderase visitar no Centro Comarcal da Paradanta en horario de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 19:00, de luns a venres, e os fins de semana de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.
Para acadar máis información poden pórse en contacto co persoal do centro comarcal no 986 663 329 ou no correo ccparadanta@comarcasdegalicia.com



